Friday 03 de May de 2024

A Irmandade dos Estudantes sairá á rúa este Mércores Santo celebrando o seu 25 aniversario


• A procesión sairá ás 23 horas da igrexa das Orfas e levará a cabo un acto especial na praza das Praterías ás 24 horas

• Diversas autoridades eclesiásticas, civís e representantes das demais confrarías da cidade, acompañarán aos estudantes esta noite polo seu aniversario

Esta noite do Mércores Santo, a Irmandade dos Estudantes tomará as rúas compostelás cos seus capuces negros. Nun ano especial, posto que celebran o seu 25 aniversario, esta irmandade, unha das máis novas da cidade; estará acompañada por diversas autoridades eclesiásticas e civís así como de representantes doutras confrarías da cidade.

Con saída ás 23 horas da súa sede, a igrexa das Orfas, a procesión se dirixirá cara a Praza das Praterías, lugar no que levarán a cabo un acto especial de reverencia ao Apóstolo. Ademais, durante o día de hoxe e, desde ás 10.30 ata as 21 horas, a igrexa terá as portas abertas para exhibir as imaxes e enseres da irmandade.

A procesión comezará, tal e como é tradición, con tres golpes de martelo na porta da súa sede e estará encabezada pola Cruz de Guía e os nenos vestidos de gala. Acompañada musicalmente da Banda da Nosa Señora da Misericordia de Viveiro, na procesión participará o Santísimo Cristo da Misericordia e Noso Pai Xesús da Esperanza. A maiores, no ano 2019, a irmandade incorporara á súa Estación de Penitencia á Nosa Señora da Milagrosa, unha talla portada por nenos e nenas cunha gran devoción no colexio das Fillas da Caridade, ao ser a imaxe que as relixiosas teñen na súa capela de oracións pero, lamentablemente ese ano, os estudantes non puideron saír ás rúas por mor da choiva.

Percorrido da Procesión dos Estudantes
Rúa das Orfas – Cantón do Toural – Praza do Toural – Rúa do Vilar – Praza das Praterías – Rúa da Conga – Rúa de Xelmírez – Rúa Nova – Cantón do Toural – Rúa das Orfas.